Monday 29 de April de 2024

O BNG pide neste 25N máis recursos, orzamentos e dereitos para evitar a violencia machista


No Día internacional da eliminación da violencia contra a muller, o BNG defendeu a necesidade de dotar de máis recursos, máis orzamentos e máis dereitos a loita contra a violencia machista, fronte á que instan a manterse fortes e non dar “nin un paso atrás”.

Así o afirmou a concelleira e responsábel de feminismo do BNG na Barbanza, Cruz Rivadulla, motivo deste 25N, Fortes contra a violencia machista, que chama a empoderar as mulleres e enfrontar con determinación “a violencia machista que insulta, golpea, viola e mesmo mata ás mulleres polo simple feito de selo”, pero tamén a non “baixar a garda” ante o machismo.

“Nin un paso atrás ante o discurso negacionista da extrema dereita e cun PP desnortado facendo campañas institucionais nas que se culpabiliza ás mulleres da violencia machista en lugar de poñer o foco nos agresores”. “E ademais faino nunha campaña institucional, pagada con cartos públicos”, recalcou.

“É intolerable unha campaña do PP na que se nos di ás mulleres que somos irresponsables e que somos nós as que nos poñemos en risco de sufrir unha agresión ou unha violación se imos soas de noite pola rúa, se non vixiamos o que tomamos nunha discoteca ou se imos correr de noite en mallas”, recriminou para reclamar a continuación á Xunta que admita o erro, rectifique e retire unha campaña que segue nas Redes e segue difundíndose.

Rivadulla recordou as propostas “claras e realistas” do BNG que, segundo subliñou, “só necesitan de vontade política” para ser postas en marcha e que pasan, en primeiro lugar, por ter máis presuposto, destinando o 1% do orzamento a este fin, o que permitirá contar con 120 millóns de euros, unha cifra que multiplica por seis a do Goberno do PP.

En segundo lugar, incrementar as axudas económicas ás vítimas da violencia machista, cando menos o IPC para evitar que perdan poder adquisitivo nesta crise. Crear xulgados específicos contra a violencia machista ou incrementar os medios dos Centros de Información ás Mulleres son outras das propostas que fan os nacionalistas.